A partir do xoves 17 e a un prezo de 6€, os cines Codex estrean “Sintiendolo mucho”, un retrato de Sabina feito polo seu amigo, Fernando de León de Aranoa. Un relato como a súa voz, áspero, que conta a intimidade do artista, a súa cara B. Comeza cando baixa do escenario, que lle acompaña no cotiá, e así no inesperado: na risa e no drama. “Sentíndoo moito” é o resultado de trece anos de rodaxe xuntos, e percorre todos os escenarios de Joaquín Sabina, públicos e privados, luminosos e ocultos. Un percorrido polas claves da súa vida e do seu traballo: polo que lle move, polo que lle inspira, polo que lle doe, desenvolvendo sempre a partires de situacións vivas, compartidas, entre músico e cineasta.
Asemade, os Codex estrean o venres 18 “La Maternal” dirixida por Pilar Palomero, que volve a dirección dous anos despois de “La Niñas” cunha longametraxe, interpretada pola moza Carla Quilez, premio no Festival de San Sebastián polo seu papel. Carla ten 14 anos e é unha moza desafiante e rebelde. Vive nun vello restaurante de estrada nos arredores dunha vila coa súa nova nai solteira mentres falta a clase e pasa as horas co seu amigo Efraín. Cando a asistenta social se decata de que está embarazada de cinco meses, Carla ingresa en “La Maternal”, un centro para nais menores de idade onde comparte o seu día a día con outras mozas como ela. Xuntas cos seus bebés, enfrontaranse a este novo mundo de adultos para o que non lles deu tempo a prepararse.
Poden consultar toda a programación na páxina www.caldiae.gal