Mañá xoves, estrease nos cines Codex o documental “10 de Marzo” do director galego Roi Cagiao que afonda nos sucesos acontecidos en 1972 no estaleiro ferrolá de Bazán. A raíz da negociación do convenio da Bazán Ferrol os traballadores do estaleiro saen en manifestación o 10 de marzo de 1972. En plena ditadura, a Policía Armada tenta interceptar a marcha, e ante a resistencia dos obreiros dispara sobre a manifestación, co resultado de ducias de feridos e dous traballadores mortos. O filme aborda todo o proceso de penetración das comisións obreiras e do partido comunista dentro do estaleiro Bazán, as tensións na negociación do convenio, os acontecementos dos días 9 e 10 de marzo e a repercusión internacional dos mesmos. Logo da proxección haberá un coloquio con parte do equipo que fixo o documental, no que poderán intervir os espectadores e espectadoras que acudan a proxección.
E a partir do venres os espectadores dos Codex Cinema poderán gozar do filme “Abrázame Forte”. Unha película francesa que ven precedida de críticas moi favorables, do director Mathieu Amalric.
O filme describe o mundo de Clarisse que xoga coa súa memoria mentres mira as Polaroids da súa familia. Está soa nunha habitación de hotel. Un día decide marchar, deixando atrás ao seu marido Marc e ós seus fillos. A súa filla segue tocando as súas escalas no piano do salón e o seu marido e fillo seguen xantando xuntos. Aparentemente, a súa vida cotiá segue con normalidade na súa ausencia, como se ela non marchara. Mentres, Clarisse vaga soa por recónditos camiños de Francia.