Lugo celebra o XXII aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade cunha gala cultural

Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe unha gala cultural en conmemoración do XXII Aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade; estivo conducida polo xornalista Xulio Xiz e contou coa asistencia do delegado territorial, Javier Arias.

Actuaron o conxunto vocal Lugh, o quinteto de metais da Asociación Músico Crisanto, o mago Rafa, e alumnos e alumnas do Conservatorio de Danza de Lugo, e presentouse o videoxogo de realidade virtual Descubre a Muralla, creado por “Unha de Romanos” co patrocinio da Xunta -a través de Turismo de Galicia- con motivo desta efeméride.

Asi mesmo, amosouse parte do traballo de investigación e conservación da Muralla que realiza a Xunta ao longo do ano, cun vídeo sobre a musealización da galería que atravesa os muros e outros elementos atopados no entorno da porta Bispo Odoario. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades investiu 78.780 euros nesta intervención, executada nos últimos meses.

Asemade a área de Cultura do Concello achegou ao Coro do Hospital de Lugo que interpretou o concerto O cantar da nosa lingua, unha proposta que explora a historia da lingua galega, desde o medievo ata a actualidade, achegando cancións dos distintos períodos. No concerto celebrado esta tarde na Mosqueira, o Coro do Hospital de Lugo interpretou a lírica medieval dos trovadores e neotrovadores, a música tradicional dos séculos escuros e as creacións dos séculos XIX e XX.

Este concerto únese á campaña #LugoMurallaÚnica posta en marcha pola área de Cultura, “un proxecto que está a visibilizar a nosa Muralla a nivel internacional e que destaca o feito de ser a a única muralla romana do mundo que se conserva completa”, explicou Maite Ferreiro. A campaña #LugoMurallaÚnica consta de 7 entrevistas en 6 idiomas (inglés, francés, italiano, portugués, castelán e galego) que darán a coñecer distintos aspectos históricos e culturais da Muralla de Lugo dende a perspectiva de 7 persoas nacidas fóra, pero que viviron ou viven na cidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com