9:30 da mañá. O autobús da liña 1.3 que comunica o Campus co Ceao a través de Fontiñas inicia o seu percorrido diante do Edificio de Sindicatos na Rolda da Muralla.
Aos poucos minutos de traxecto, o chófer non ten máis remedio que obstaculizar toda a calzada, impedindo a marcha do resto da circulación para permitir que as persoas usuarias entren e saian do transporte público porque a parada está ocupada por vehículos particulares.
A manobra é rexistrada por dous axentes uniformados da Policía Local que tamén van a bordo para vixiar o uso indebido destas zonas como prazas de aparcamento ordinario. A infracción se salda cunha sanción de 200 euros trala cal, autobús e efectivos policiais continúan, respectivamente, co seu servizo.
Esta escena obedece á campaña de control que o Concello de Lugo acaba de poñer en marcha para disuadir ás e aos condutores de realizar estacionamentos indebidos nas prazas do bus urbano. Unha práctica tipificada como grave e sobre a que a Policía Local vén detectando un abuso nos últimos meses.
Este operativo terá unha duración por agora, indefinida xa que a súa permanencia dependerá, en boa medida, do grao de concienciación que se acade na poboación.
O dispositivo manterase en quenda de mañá e tarde, facendo fincapé en zonas e franxas horarias moi concretas onde se rexistra unha reiteración excesiva deste tipo de infraccións e lembrou ás e aos conductores que a Lei de Seguridade Vial non permite nin estacionar nin tampouco parar nestes espazos reservados ao autobús.