O deputado do BNG na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, saíu ao paso das declaracións realizadas polo ex-candidato socialista para presidir a Deputación de Lugo, Ferreiro afirmando que “o PSOE ten unha importante responsabilidade no acontecido na Deputación de Lugo” e engadiu que “o BNG non vetou ninguén en ningún momento; simplemente mantivemos unha postura coherente coa nosa actuación política, co que defendemos durante a campaña e co que lles esiximos aos nosos representantes institucionais”.
Ferreiro fixo alusión directa ás manifestacións feitas onte por Manuel Martínez e dixo que “ao mellor pensa que pode facer bo aquilo de que unha mentira repetida mil veces se converte nunha verdade, mais a xente sabe perfectamente que foi o que sucedeu, como sucedeu e quen é o único responsábel”. Ademais, o deputado nacionalista sinalou que “os insultos proferidos por Martínez contra os deputados do BNG e o que fixo co seu propio partido, deixan ben claro o que sería unha Deputación presidida por esta persoa”.
O deputado do BNG explicou que o seu partido “mantivo unha postura coherente e firme co que dixo durante toda a campaña”, e apuntou que “foi Besteiro e o PSOE os que elixiron unha persoa imputada para presidir a Deputación, un erro que tentaron corrixir tarde”. Ferreiro cualificou de “trapallada maiúscula” o acontecido en San Marcos o pasado mércores, e responsabilizou o Secretario Xeral do PSOE de “provocar esta situación e entregarlle o goberno da Deputación de Lugo ao Partido Popular”.
Para o BNG “unha imputación por malversación de fondos é unha imputación por corrupción por moito que Martínez insista en tratar de rebaixar a súa gravidade”, aínda que o certo é que esta imputación é administrativa, polo que en principio resulta de menor gravidade. Asemade Xosé Ferreiro dixo que “hoxe mesmo puidemos ver cales van ser as políticas do PP na Deputación” referindose a suspensión dos eventos de Cultura Aberta.