A Asociación Si, hai saída lanza unha nova mensaxe de alerta ante a última vaga de asasinatos machistas

Desde a Asociación Si, hai saída, en relación coa tráxica vaga de crimes machistas acontecidos neste Nadal que aínda non rematou, desexamos manifestar o seguinte:

En primeiro lugar, lembrar que esta vaga non é froito da casualidade, se non, agás algunha escasa excepción, o resultado dunha serie de graves eivas na protección das vítimas e da falta de prevención ante un mais que demostrado incremento da violencia de xénero
nestas datas por múltiples factores, como poden ser a maior convivencia entre parellas con conflitos previos, as xuntanzas familiares, o consumo de alcohol ou outras substancias, o intercambio de menores por mor das vacacións, etc, etc, etc.

Cada ano, desde que comezamos a nosa traxectoria, hai case 9, desde Si, hai saída, dado o noso traballo en estreito contacto coas vítimas, e, porén coa súa realidade, alertamos do exposto anteriormente, do cal hai constancia por escrito, non soamente a nivel local, se non chegando mesmo a dirixirnos a algunha institución a nivel nacional, como sucedeu este mesmo ano no que nos diriximos ao Ministro de Interior, Fernando G. Marlaska, pregando que non se dera a mesma situación de desprotección de anos anteriores, con Ufam e comisarías baixo mínimos, sen obter resposta algunha, nin moito menos resultado ningún.

É totalmente inxustificable que fora preciso ter chegado a estes tráxicos extremos para que, desde o ministerio de Igualdade, que conta, desde que chegaron ao poder, no seu haber, cun mais que considerable aumento da violencia de xénero, para que se convocara un comité de
crise, ao que, irónicamente, denominan urxente, tras o cal manifestan ter conclusións tan obvias como as expostas por nos anteriormente, coma se foran, ademais, algo novo, así como para solicitar unha xuntanza co ministro do Interior ante as evidentes eivas no seo dos CFSE,
priorizando claramente campañas, actuacións e aparicións mediáticas cuxo resultado a vista está.

Igualmente inxustificable e alarmante é que o propio ministro Grande Marlaska manifeste que esta vaga de crimes constitúe unha proliferación inusual e que non responde a ningún patrón temporal nin doutro tipo, demostrando así, non soamente o seu total descoñecemento da realidade da violencia de xénero, se non que a súa prioridade é desviar a atención de que él é un dos grandes responsables do que está suceder por tolerar o que está a acontecer no seo dos CFSE, e que é, obviamente, da súa directa competencia.

Non esquezamos que moitas das mulleres asasinadas tiñan denunciado, e que mesmo se deron casos nos que existían ordes de afastamento, sen que se estivera a facer, pola contra, seguimento ningún da vítima nin do agresor o que deixa claramente patente que, a maior o
risco, maior desprotección.

Non podemos, ademais, pasar por alto o feito de que, no acabado de rematar 2022 foron varios os casos relacionados coa violencia de xénero ou coa violencia vicaria no que se viron implicados membros dos CFSE, e, como xa manifestamos en ocasións precedentes, non se trata de condenar a un colectivo, pero tampouco de negar a realidade.

É, por outra banda, arrepiante, comprobar como, lonxe de buscar solucións coherentes, urxentes e prácticas, se segue a politizar a violencia de xénero, a sacarlle rendemento, e a tentar acadar méritos de cara a vindeiros procesos electorais, a costa de tanta dor, de tantas vidas.
Aproveitamos para lembrar que a loita contra a violencia machista nin é unha competición entre as CCAA, a ver quen arroxa unha menor ou maior porcentaxe de vítimas ou denuncias, nin se debe fragmentar como semella que se pretende facer, e, de feito, se fai.
É, ou debería ser, unha loita conxunta, na que todos os actores que intervimos nela, e toda sociedade en xeral, temos a nosa parte de responsabilidade.

É, así mesmo, lamentable, que se continúe sen escoitarnos a aqueles que traballamos directamente coas vítimas, que coñecemos de primeira man a súa realidade, sinxelamente por negarnos a obter rendemento desta letal lacra e que temos como única prioridade axudar as vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos.

Tamén a nivel local temos que seguir lamentando a total falta de colaboración por parte dunha institución vital para a loita contra a violencia de xénero, como é a Policía Nacional, algo que ven sucedendo desde comezos do ano 2017, co cambio de responsable da mesma, botando
por terra un magnífico traballo coordinado que se levou a cabo durante mais de tres anos, do que se beneficiaron moitas vítimas, o cal era o obxectivo, priorizando cuestións puramente persoais, que nada teñen que ver con esta loita, e que non son, ao noso entender, o mellor
exemplo de profesionalidade, nin de implicación, máxime ante a situación tan grave que estamos a vivir, malia que desde Si, hai saída estivemos, en todo momento, dispostos a reconducir esta situación, da cal, e con toda humildade o dicimos, temos claro que non somos
para nada culpables, se non todo o contrario, xa que se nos prexudicou de xeito mais que notable, poñendo toda clase de atrancos ao noso traballo, que incluíron, en mais dunha ocasión, claros intentos de desprestixiarnos.

Son, o temos moi claro, momentos para loitar, para traballar, unidos, se a preocupación é real, e non para leas mais propias de patio de colexio. Estamos loitando para tentar axudar a mulleres, a nenas e nenos, a saír do terror, e, tal vez, para salvar algunha vida.
Afortunadamente, temos que dicir todo o contrario no que atinxe ao eido xudicial, no que contamos con todo o apoio e ao que manifestamos o noso profundo agradecemento por colaborar nesta loita dura, longa e para a que, polo momento, non se albisca, nin de lonxe,
unha solución.

Para rematar, non podemos por menos que manifestar a nosa profunda tristura ante unha sociedade que, cando non pasou nin unha semana dun tráxico e cruel rosario de crimes machistas, polos que se amosaba consternación, aparente dor, xa os relegou, aos poucos días, ao esquecemento mais absoluto.

En Si, hai saída nin esquecemos , nin mudamos a nosa prioridade que é axudar a cantas vítimas sexa posible, e aos seus fillos e fillas.
Cos nosos erros, por suposto, e dentro das nosas mais que limitadas posibilidades, pero sempre, con mais forza se cabe, e coa mesma vontade e coa mesma fe non que estamos a facer que o primeiro día.

Asociación Si, hai saída.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com