O TSXG rebaixa de 23 a 20 anos de prisión a condena imposta ao home que asasinou á súa parella a coiteladas nas Gándaras

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rebaixou de 23 a 20 anos de cárcere a pena de prisión imposta ao home que asasinou a coiteladas á súa parella, en febreiro de 2020, nunha casa das Gándaras. Ademais, o alto tribunal impúxolle a prohibición de aproximación ou comunicación, por calquera medio, coa nai, fillos e irmán da vítima por un período de 30 anos, en lugar de polos 33 fixados na sentenza de primeira instancia. A Sala do Civil e Penal do TSXG, que acolleu o recurso presentado polo condenado, explica que no fallo emitido pola Audiencia Provincial de Lugo “non existe” a motivación sobre a determinación da pena. “Non hai nin unha soa referencia a circunstancias relativas ao autor ou ao propio feito sobre as que asentar unha condena a 23 anos de prisión”, recalca.

Os maxistrados lembran na resolución “a constante xurisprudencia do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional sobre a necesidade de motivación das sentenzas en canto á extensión da pena”. O tribunal indica que a morte aleivosa “xa resulta considerada na propia penalidade ordinaria do asasinato”, así como que a relación sentimental “tamén foi tida en conta na apreciación da agravante de parentesco”. Os xuíces destacan que o resto dos elementos que figuran na sentenza da Audiencia Provincial de Lugo, entre eles “buscar unha coartada, limpar a escena do crime ou obstaculizar a acción policial”, son “actos que non fundamentan unha maior antixuridicidade ou culpabilidade dignas de ser retribuídas á alza”. Por conseguinte, acolleron o recurso de apelación e rebaixaron a pena.

O TSXG acepta na sentenza o relato de feitos probados do fallo da Audiencia Provincial de Lugo, no que explica que o Tribunal do Xurado considerou probado que, entre as 18 horas do 6 de febreiro de 2020 e as 8 horas do día seguinte, se iniciou unha discusión entre o condenado e a súa compañeira sentimental, os cales comezaran a relación no verán. Durante o desenvolvemento da disputa ou unha vez finalizada, segundo a resolución, a muller foi ao baño, onde minutos máis tarde se dirixiu a súa parella, portando un coitelo, co que lle asestou, “con ánimo de matar”, catro puñaladas no pescozo, unha das cales lle seccionou a arteria carótide.

O condenado, segundo a resolución, aproveitouse “da situación física que mostraba, tanto polo lugar no que se atopaba -no inodoro situado nun baño de escasas dimensións-, como en atención ao estado de intoxicación etílica que presentaba, unido á inxesta de medicamentos que tiña pautados”, a cal “a colocaba nunha situación de escasísima defensa”. A Audiencia indica que, no momento da agresión, o acusado, pese ao trastorno por consumo de alcol que padecía, “presentaba intacta a súa capacidade de entender e querer”.

O Tribunal do Xurado deduciu que a súa intención era matar á súa compañeira sentimental “das probas periciais”, pois os forenses, segundo a sentenza, “foron determinantes ao concluír que unha coitelada no pescozo se debe considerar unha acción destinada a matar”, xa que comporta “un risco vital inequívoco”. Ademais, salientaron que a traxectoria da coitelada fixo que penetrase “de maneira suficiente no pescozo, seccionándolle a arteria carótide”. O Xurado tamén estimou a concorrencia da agravante de aleivosía por desvalemento, o que implicou que os feitos fosen constitutivos de asasinato, en lugar de homicidio, pois entendeu que o condenado se aproveitou dunha especial situación de desamparo da vítima, a cal impediu “calquera manifestación de defensa”.

Por último, entendeu que o acusado presentaba “unha lucidez incompatible, non só co brote psicótico que alegou, senón mesmo cunha inxesta alcohólica que lle minorase as súas capacidades”. Para iso, baseouse nos informes forenses e “nos actos posteriores levados a cabo polo acusado”, quen limpou o cuarto de baño e, posteriormente, chamou por teléfono aos seus pais “ata en tres ocasiones”, urdindo con eles “unha coartada que haberían de manter xunto co seu irmán, quen finalmente se retractou do inicialmente sostido”. Ademais, tivo en conta o seu comportamento coas forzas da orde, que foi “obstrutivo e tendente a buscar a impunidade”. Contra a sentenza do TSXG cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com