Desde a Federación de AA.VV. “Lucus Augusti” de Lugo expoñemos a situación actual que vive a cidadanía de Lugo -ademais de calquera visitante que acuda á nosa cidade- no relativo aos aparcamentos subterráneos da capital lucense. A nosa demanda focalízase no horario nocturno, xa que os diferentes condicionantes existentes na actualidade supoñen unha situación de desamparo para calquera persoa, en xeral, e en caso de emerxencia, en particular -podendo carrexar consecuencias-. Actualmente -ano 2023-, non existe vixilancia en horario nocturno levada a cabo por persoal físico, de maneira que, cando o dono dun vehículo estacionado no aparcamento acode a recollelo, non dispón de axuda persoal algunha. Doutra banda, os posibles -e lamentablemente frecuentes fallos técnicos- deixan, novamente ao usuario do aparcamento, nunha situación delicada. Se o código do
ticket non funciona ao acceder para recoller o vehículo, o dono do mesmo atópase á intemperie, de noite -coas condicións climatolóxicas de frío e choiva propias da cidade de Lugo-, e sen máis recursos que un número de teléfono -xa que tampouco se facilita terminal telefónico algún para realizar a chamada. Número de teléfono, por outra banda, que será atendido por unha persoa que se atopa a moitos km. de distancia física de quen ten o problema, coas consecuentes dificultades que iso carrexa. Circunstancia similar é a que sucede no caso de que o dono do vehículo perda o ticket; quedándolle como única vía de “axuda” un número de teléfono de emerxencias nas mesmas condicións que o suposto anterior. Outra posible eventualidade, sería a situación de que o dono do vehículo non dispoña de cambio en metálico no momento de realizar o pago; quedándose sen alternativas nin axuda persoal de ninguén para liquidar esta circunstancia, ademais do feito de que, en horario nocturno non lle será fácil atopar un establecemento público aberto no que poder cambiar efectivo. Motivados por toda a problemática descrita, desde a Federación de AA.VV. “Lucus Augusti” de Lugo, solicitamos que se negocie coa empresa concesionaria dos aparcamentos da capital lucense para que sexa obrigatoria a vixilancia física nocturna -levada a cabo, por, polo menos, 1 persoa por aparcamento- que permita aos usuarios mitigar a sensación de desamparo que viven en horario nocturno.
Lugo, xoves 5 de xaneiro de 2022.