O manual político dos non entendidos en política afirma que despois dun goberno progresista convén que os conservadores aforren para consolidar realidades. Enténdese que os primeiros abren a man máis do que permite a infraestrutura económica, satisfacendo necesidades latentes. Ese extender os pés máis do que da a manta non pode durar, di ese manual, e fai falla traballar e aforrar para permitirse eses dispendios por xustos que sexan.
Así, despois dun goberno para o que todo o mundo merece axuda, atención, sostén, hai quen opina que terá que vir un goberno conservador que aquilate gastos, fomente a produción, equilibre a balanza, e consiga que o que o progresismo avanzou – xustificada a necesidade, cuestionada a posibilidade – cadre contas e realidade, avanzando un chanzo na escada do progreso social.
A saber se é tan simple o panorama dun país efervescente, membro da U.E., que tenta harmonizar europeismo con independentismo ou localismos que parecen non encaixar no mundo de hoxe, ou veñen ser un paso para a Unión que en lugar de vinteunha repúblicas e seis monarquias, pase a ter 54 ou 108 países nos que toda corrente política teña o seu espazo de poder.
Se ese manual fose aplicable, contéñanse os precios, aumenten pensións, semente o goberno para a colleita de maio, coidando que progresistas ou conservadores asentarán no futuro os presuntos avances actuais. Quédanos a esperanza de que uns e outros, o mesmo que aplaudiron o discurso nadaleiro do Rei, acorden estabilidades, e cun só paso avanzar e afianzar avances. É moito pedir, pero se non soñamos ao comezo do ano, non imos ter moito máis tempo para o soño.