Olga Louzao, como voceira do grupo municipal Ciudadanos, manifestou hoxe a súa inquietude ante a “inactividade de goberno que se percibe”. Considera que as decisións e os acordos que se teñan que tomar, teñen que realizarse de forma reflexionada e consensuada polas partes implicadas, pero tamén mostrando unha clara vontade de chegar a eles.
“O que se está a conseguir con esta situación de continua negociación é a paralización dos servizos municipais, que leva consigo un prexuízo para a cidadanía. Non podemos apostar, como propuxeron tanto PSOE e Lugonovo nos seus programas electorais e co que estamos totalmente de acordo en Cidadáns, por unha administración áxil e eficiente, e comprobar que se está a contribuír a todo o contrario”, sinala Louzao.
“Ciudadanos chegou ao goberno municipal para traballar, para promover e apoiar dende a oposición proxectos e medidas que beneficien a todos os cidadáns e colaborar en todo momento co novo goberno. Pero do mesmo modo, amosaremos o noso desacordo cando así o consideremos, polo que reclamamos que como representantes dos nosos cidadáns, se axilice a toma de decisións e a formación do novo goberno, para poder iniciar unha nova etapa política en Lugo e se facilite que todos os grupos municipais teñamos noso local, tal e como se está facendo no resto de concellos do noso país”, concluíu a portavoz da formación política.