Nas vindeiras horas, está prevista a saída do helicóptero Pesca II do Servizo de Gardacostas de Galicia co fin de realizar as necesarias inspeccións polo litoral, na procura de pistas sobre a localización do home.
Tamén participan nos rastrexos membros e cans de rescate de Casaga (Ferrol), e integrantes do GES de Cervo, así como voluntarios de Protección Civil a axentes de Policía Local e Garda Civil.
De feito, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, contactou cos inspectores ao mando do operativo de busca para prestar a colaboración necesaria. Así, nas vindeiras horas, incorporarase a aeronave do servizo da Consellería do Mar para dar o relevo aos helicópteros da Garda Civil, que xa sobrevoan a zona.
Igualmente, non se descarta que se poidan sumar máis medios e recursos no momento no que sexan necesarios.
O 112 Galicia tivo coñecemento da desaparición deste veciño do Camiño da Vía, en Cangas de Foz, onte pola tardiña (19 horas), tras recibir a chamada dun familiar que advertía da súa falta. A partir de aí, púxose o caso en coñecemento dos corpos de seguridade, do GES de Cervo e das autoridades locais.
Deste xeito, iniciouse a busca, que foi interrompida durante a madrugada para retomarse coas primeiras luces do día, segundo as indicacións da Garda Civil.