Alar Galicia realizará en Lugo unhas xornadas para previr o suicidio

O director de Alar Galicia, Fernando González Truque, mantivo unha xuntanza co  delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, para comezar coa organización dunhas xornadas na sede do edificio administrativo da Xunta en Lugo.

Nas xornadas está previsto que participen especialistas do ámbito sanitario, xurídico e das forzas e corpos de seguridade. Estas xornadas divulgativas versarán sobre dous dos programas que desenvolve a entidade e que están financiados pola Consellería de Sanidade, orientados respectivamente a previr o suicidio e as condutas adictivas entre nenos e mozos.

O obxectivo é “sensibilizar sobre o impacto destas condutas entre a poboación nova e difundir as ferramentas das que a entidade po á disposición da pobación a nivel de toda Galicia para concienciar sobre estes problemas e previlos. Tamén para incentivar que se adhiran aqueles axentes cuxa intervención ten moita importancia neste ámbito, como os concellos a través dos traballadores sociais ou os propios centros educativos.

Un dos proxectos é o denominado Voitheia, que ten por obxecto reducir as taxas de suicidio entre poboación de 12 a 30 anos. Trata de dar cobertura a todas as áreas da vida dos afectados -ámbito familiar, escolar… – ofrecendo apoio e asesoramento gratuíto por parte de profesionais sanitarios e dun xeito totalmente confidencial. Unha das principais vantaxes é que permite prestar atención directa e inmediata aos afectados.

O outro programa, denominado Morpheo, está centrado en previr as condutas aditivas entre a xente moza. Tamén ofrece un servizo gratuíto con atención profesional en toda Galicia e pon o foco non só no abuso de substancias senón tamén das novas tecnoloxías. Así, ofrece estratexias para axudar aos nenos e adolescentes e ás familias a  regular o uso de recursos como internet, o móbil ou os videoxogos, entre outros aspectos.

Arias afirmou que este é un dos ámbitos nos que a Xunta colabora con Alar Galicia, que ten en marcha outras iniciativas co apoio de diferentes departamentos do Goberno galego como os programas de mediación social e intercultural, de coaching de menores  ou o de prevención da violencia de xénero.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com