Codex Cinema estrea este venres os filmes “Os fillos doutros” e ” Teño soños eléctricos”.
“Os Fillos doutros” un filme francés da escritora e directora Rebecca Zlotowski. quen a partir da figura dunha muller de 40 anos, sen fillos e namorada, imprime un sutil retrato do desexo e a dificultade para concebir, nun mundo onde o entorno familiar e social está punzando nos sentimentos. O filme conta a historia de Rachel que ten 40 anos e ningún fillo. Ela ama a súa vida: os seus estudantes de secundaria, os seus amigos, os seus ex, as súas clases de guitarra… Ao namorarse de Ali, encaríñase con Leila, a súa filla de 4 anos. Ela arróupaa e ámaa como se fora dela, pero amar aos fillos doutras persoas é un risco que vale a pena correr.
A segunda estrea da semana é “Teño soños eléctricos”. Un drama dirixido pola costarricense Valentina Maurel e que gañou o Premio Horizontes á Mellor Película Latinoamericana no pasado Festival de San Sebastián. O filme é unha coprodución a tres bandas entre Costa Rica, Francia e Bélxica, narra a vida de Eva que non aguanta o feito de que a súa nai queira reformar a casa e desfacerse do gato, que, desorientado dende a separación dos seus pais, ouríñase en todos os lados. Quere marchar e vivir co seu pai que está a vivir unha segunda adolescencia. Eva ségueo mentres tenta reconectarse co seu desexo de converterse nunha artista e de volver a atopar o amor. Pero, como alguén que cruza un océano de adultos sen saber nadar, Eva tamén descubrirá a rabia que a devora e que herdou del sen sabelo.