O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, anunciou hoxe a apertura de prazo para solicitar as axudas do programa Galicia Renova Electrodomésticos.
Con este motivo, Conde visitou en Monforte de Lemos Electrodomésticos Domínguez, un dos 419 establecementos que xa están adheridos a esta convocatoria -76 da provincia de Lugo- que permanecerá aberta ata que se esgote o crédito, sendo a data límite o 30 de setembro.
Tal e como explicou, “o programa de axudas ten un dobre obxectivo: contribuír a que 20.000 familias galegas poidan adquirir electrodomésticos máis eficientes e reducir a factura eléctrica dos fogares, así como dinamizar as vendas no comercio de proximidade”.
Neste sentido, os comercios interesados poden adherirse ata o 30 de xuño.
Os apoios están dirixidos a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total.
As axudas son de concorrencia non competitiva -por orde de solicitude- e tramitadas a través de entidades colaboradoras. Os apoios poderán acadar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral e do 50 ou 75% para os consumidores con máis dificultades, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros. Cada beneficiario só poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos por beneficiario.