Sobre a xestión do cemiterio municipal de Lugo

En Lugo tes que calcular cando morres e cantos días de vacacións che quedan, porque non é posible enterrar a un ser querido polas tardes, e se traballas pola mañá, vas ter que elixir entre faltar ao traballo ou ao enterro. Tampouco podes visitar as tumbas despois do mediodía, nin pasear polas tardes, por un cemiterio, que é referencia pola súa riqueza patrimonial e arquitectónica, porque pecha ás 14:30h.

Nunha entrevista á Concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, que concedía á Revista Funeraria, esta sacaba peito de que o cemiterio de Lugo estaba xestionado directamente polo Concello de Lugo, “a través de sus órganos y con medios propios”, subliñando tamén como problema de dito modelo, como “a burocracia e rixidez na tramitación, “patente, sobre todo en la gestión de personal, cuya dotación está sometida a complejos y lentos procesos”. A concelleira seguía defendendo a xestión do cemiterio por parte do Concello, “pretendemos una prestación óptima e integral del servicio público de cementerios donde se encuadra tanto la realización de los servicios solicitados de inhumación, exhumación, traslados, como el mantenimiento del recinto…”

Segundo estas declaracións, a Concellería do BNG defende a xestión pública do cemiterio, algo do que nos congratulamos desde Esquerda Unida, pois estamos fartas xa da externalización/privatización dos servizos públicos por parte deste Concello. O que resulta intolerable é que ese servizo público non funcione, funcione mal ou funcione a media xornada.

Agora reabriuse a controversia porque un dos poderes fácticos da cidade, o presidente da Federación Veciñal traslada a queixa, probablemente electoralista, que levamos facendo moitas veciñas desta cidade que tivemos que enterrar aos nosos mortos en “horario de mañá”.

Pero en vez de tentar solucionar o problema, contratando ao persoal preciso, o BNG enzárzase co PSOE nunha batalla máis deste goberno bipartito, ou mellor dito, destes dous gobernos que tratan, presuntamente, de gobernar a cidade. O BNG alega que no cemiterio hai tres prazas de traballadores vacantes, cuxa cobertura está solicitada á area de Persoal, da Concellaría de Paula Alvarello, do PSOE.

O PSOE, pola súa banda, contraataca alegando que “a xestión do cemiterio correspóndelle ao BNG” e propónlle que contrate este servizo a unha empresa, é dicir externalizandoa a súa xestión, xustifican, “mentres se tramita a creación de novas prazas.”

De todo isto poden extraerse varias conclusións: o PSOE e o BNG, xunto coa Federación Veciñal presidida por un señor que pide o voto para Lara Méndez, enrédanse nunha guerra na precampaña eterna á que nos teñen, tristemente acostumados, mentres a veciñanza de Lugo segue a sufrir a inacción deste/s goberno/s, ou a acción froito da improvisación, que son os dous estilos de exercicio de poder neste Concello de Lugo.

Por outra banda, cando resoa que a forma de solucionar un problema de falta de eficacia nun servizo público é externalizalo, podemos ir dando por feito que o futuro da xestión do cemiterio de San Froilán é a xestión por parte dunha empresa privada.

Así que, de momento, a solución ofrecida polo Concello de Lugo, por PSOE e BNG, é que o Concello contrate a unha empresa para os enterros, ou ben nos teremos que contratar o cortexo fúnebre para acompañar aos mortos.

Chus Rodríguez – Candidata á Alcaldía de Lugo por Esquerda Unida

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com