A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, afirmou que o novo goberno da institución lucense ten “un pacto cos veciños desta provincia e a eles nos debemos”, polo que “temos que materializar canto antes o noso proxecto” e con este obxectivo “damos a coñecer, aos poucos días de constituírse a Corporación, o reparto de áreas de goberno”.
A presidenta da institución provincial explicou que distribuíron o equipo tras visitar aos traballadores da Deputación e despois de reunirse cos xefes de servizo que “nos fixeron chegar as prioridades”. Así, Candia anunciou hoxe a estrutura do goberno provincial que asume como primeiro compromiso “velar pola boa imaxe da institución e por garantir o normal funcionamento da Deputación de Lugo”.
“Parecíanos moi importante distribuír xa as áreas, dado que a provincia necesita desta institución e temos un proxecto que materializar”, reitera a presidenta da Deputación de Lugo.
Os responsables de cada área serán:
José Antonio García López, vicepresidente primeiro e responsable da Área de Emprego e Demografía; Mari Teijeiro, vicepresidenta segunda e responsable da Área de Benestar, Igualdade e Xuventude; José Pardo Lombao delegado de Goberno Interior, Asistencia e Cooperación cos Concellos; Francisco Javier Balado Teijeiro Cultura, Jesús Carreira Ferreiro, Xestión Territorial e José Manuel Yanes Ginzo de Deportes.
A presidenta da Deputación Provincial fixo fincapé na creación dunha Delegación de Pesca ao tratarse “dun sector moi importante na nosa provincia, sobre o que lideramos diferentes iniciativas mentres estabamos na oposición e que, pese a non ter competencias directas, temos a obriga de atender aos intereses deste sector”. A Delegación de Pesca integrarase na Área de Economía, Recadación e Facenda, que estará a cargo de José Demetrio Salgueiro Rapa.
O deputado Manuel Jesús González Capón será o responsable de Medio Ambiente; José Ulla Rocha de Medio Rural; Ramiro Moure Ansoar de Formación, Participación Cidadá e Novas Tecnoloxías e Juan Carlos Armesto Quiroga será o deputado delegado de Turismo, Patrimonio e Centro de Artesanía e Deseño.
Por último, a portavocía do grupo de goberno asumiraa Juan Carlos Armesto Quiroga e o vicevoceiro será José Demetrio Salgueiro Rapa.