Candia propón rebaixar ao 95% o IBI rústico para explotacións agrarias

A alcaldable do PP rematou a visita ás 54 parroquias do municipio, nas que mantivo encontros con veciños que lle trasladaron “as súas
preocupacións por carecer de servizos básicos pese a que pagan os mesmos impostos que os que viven no casco urbano”.

Unha das medidas que propón a candidata popular é a de rebaixar ao 95% o IBI rústico para explotacións agrarias, co ánimo de apoiar “de forma firme a ampliación da actividade do sector primario no noso concello” lembrando que “esta foi unha das reivindicacións que leva anos reiterando o Grupo Popular nas propostas para mellorar as ordenanzas fiscais”. Esta medida formará parte dun paquete específico para
rebaixar ou suprimir impostos a quen instale unha industria ou abra un negocio nas parroquias do Concello de Lugo.

Elena Candia tamén fixo fincapé na necesidade de eliminar a lista de agarda do SAF xa que esta “é unha prestación moi demandada polos maiores das parroquias que viven sos no rural e precisan de axuda na súa vida diaria”.
A candidata tamén manifestou o “seu compromiso de dotar, de forma progresiva, aos veciños do rural de abastecemento de auga potable, saneamento, telefonía móvil e fibra óptica”. A alcaldable do PP tamén “impulsará un plan plurianual de mantemento de pistas e vías, de xeito que se primen os criterios técnicos no seu arranxo e que se eviten as intervencións só en época preelectoral ou cadrando coas festas”.
Outros dos compromisos da alcaldable do PP son “adaptar as liñas do transporte urbano ás necesidades da veciñanza e complementalo cun servizo de taxi a demanda”.

As melloras na iluminación, desbroce e a limpeza dos camiños e dar resposta ás deficiencias na recollida do lixo son outras das demandas que se repiten nas diferentes parroquias onde reclaman o cambio de colectores rotos e explican que “ao estar ubicados lonxe dos núcleos de vivendas provocan a proliferación de vertedoiros incontrolados”. A veciñanza tamén reclamou o arranxo dos locais sociais e “que haxa unha programación permanente para a veciñanza, tamén nalgunhas parroquias solicitaron aparatos biosaudables para maiores e xogos para os cativos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com