O BNG levará ao pleno provincial deste martes, 28 de febreiro, unha moción na que reclama ao goberno do Estado a creación dun xulgado específico de violencia de xénero en Lugo.
A formación nacionalista, que ven reclamando este servizo con diferentes iniciativas tanto no ámbito institucional como social, buscará o apoio do Pleno para seguir impulsando esta demanda , avalada polo Observatorio contra a Violencia de Xénero que, nas últimas memorias, “reitera a recomendación de avanzar na especialización dos xulgados que coñecen ou enxuízan asuntos relacionados coa violencia contra as mulleres”.
En concreto, expón a moción, “dende o Servizo de Inspección téñense realizado, ademais, numerosos informes nos que se analizaba a necesidade de creación de órganos instrutores e de enxuizamento, a especialización ou incluso a comarcalización dalgúns dos xa existentes. Respecto á especialización dos xulgados do penal en violencia de xénero, acordouse co Servizo de Inspección a elaboración do informe que contemplara as condicións para a especialización de polo menos un xulgado do penal en cada provincia”.
A moción tamén insta á Xunta de Galiza a reclamar a creación dun xulgado específico de violencia de xénero en Lugo e a pór os medios que dela dependan para a súa creación.