A candidata popular á alcaldía de Lugo, Elena Candia, presentou esta mañá a web www.lugooprimeiro.com que definiu como “unha nova ferramenta de contacto” da veciñanza de Lugo “para seguir a construír entre todas as persoas un proxecto de municipio do que eu son unha máis”.
Durante a rolda de prensa, Elena Candia explicou que o portal conta cun total de seis seccións: o decálogo de eixes de actuación, a presentación da candidata, unha recompilación en vídeo dalgunha das xuntanzas celebradas en barrios e parroquias, un espazo de ‘Eu apoio a Elena’, un formulario de contacto ao que se pode acceder dende o botón da ‘frontpage’ e un apartado coa actualidade da candidata. Tal e como detallou, o fío condutor da web é “indiscutiblemente” a participación e a apelación a sumarse a un cambio “que só será posible coa implicación masiva de toda aquela xente que, coma min, sente que Lugo é moito máis có que temos agora mesmo”.
Durante a súa comparecencia, a candidata popular tamén lles agradeceu “ser a cara visible de todas esas persoas que se achegan a nós na rúa dicíndonos que Lugo merece un cambio”, algo que tamén evidencia a participación nas xuntanzas en barrios e parroquias do municipio, que se recolle en varios vídeos da propia web.