A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Caza (FGC) están a ultimar os termos e as actuacións concretas que se incluirán no novo convenio que teñen previsto subscribir ambas entidades de cara a renovar a relación de colaboración que manteñen de forma ininterrompida desde 2015.
A tal fin a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantivo recentemente unha reunión co presidente da entidade, Luís Eusebio Fidalgo, e mais co secretario xeral, José Moure, durante a que concretaron os últimos detalles do acordo e intercambiaron opinións sobre cales deberían ser as liñas fundamentais de acción.
Neste sentido, os tres coincidiron na necesidade de seguir colaborando no impulso da formación continua dos cazadores, en concreto, referíronse tamén aos primeiros cursos para obter a credencial como persoa cazadora con formación en materia de sanidade e hixiene que se impartiron en Santiago (2022) e Lugo (2023) co fin de capacitalos para controlar in situ as pezas de caza silvestre abatidas coa finalidade de ser destinadas ao consumo humano, así como do control de subprodutos animais non destinados a este fin.
Esta xuntanza foi a primeira que se celebra desde a recente renovación da xunta directiva da entidade logo de que o pasado mes de decembro tomara posesión dos seus cargos. De feito, Belén do Campo aproveitou o encontro para trasladarlles a disposición da Xunta a continuar mantendo o contacto directo e a colaboración co sector cinexético.