Lugo Monumental remitirá no día de hoxe unha proposta ao Concello, a Xunta de Galicia e a Subdelegación do Goberno para que se estude a creación dun gran aparcamento na parcela que existe entre os números 21 e 37 da rúa Castelao.
Esta proposta foi reiterada durante anos por diferentes fontes, pero a novidade que achega a Asociación é “a de considerar a construción dun estacionamento en altura, que podería achegar máis de 650 prazas facendo un cálculo conservador”.
Dende Lugo Monumental sinalan que “estruturas similares como a que Anrotech realizou para Inditex e Goa Invest, con 12.064 metros construídos distribuídos en planta baixa e dous adicionais, obtiveron 714 prazas. Os cálculos usados pola Asociación prevén uns 17.000 metros cadrados e asignan máis espazo a cada praza polo que poderían obterse máis de 650 aparcamentos”.
O estudo realizado por Lugo Monumental analiza “as características da parcela, a diferenza de cotas entre as rúas Miguel de Cervantes e Rolda Muralla e utiliza esa circunstancia para expor unha estrutura vertical que resolva o aproveitamento do solar, cuxa adquisición sería custosa pero que desta forma rendibilizaríase”.
Ademais, dende a asociación sinalan que “poderíase aproveitar a estrutura para resolver outro problema: a conexión do centro histórico coa estación de ferrocarril, algo importante sobre todo se chega a cristalizar o proxecto de estación intermodal asinado o venres en Lugo”.