O Concello anuncia que as Mesas de Contratación estarán formadas só por persoal técnico

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este luns que as Mesas de Contratación do Concello terán unha nova composición neste mandato, pois, de contar con representantes dos grupos municipais, pasarán agora a estar formadas unicamente por técnicos.

“Cremos que a política non debe estar nas Mesas de Contratación, senón no deseño e control das políticas de contratación. As Mesas de Contratación son órganos estritamente técnicos, que resolven en función de criterios obxectivos e avaliables tecnicamente. Como saben, a miña consideración sobre o bo facer e profesionalidade dos traballadores públicos é máxima, polo que considero que debemos separar o plano político do funcionarial”, explicou a rexedora.

Méndez destacou así mesmo que esta medida axilizará a convocatoria e o funcionamento das propias Mesas de Contratación, e en consecuencia, da administración local. Afirmou asemade que este cambio forma parte das decisións que “temos que tomar con respecto á composición e funcionamento dos distintos órganos internos” de cara ao Pleno de Organización, en cuxa orde do día “xa estamos traballando, a expensas de cuestións que teñen que ver directamente coa entrada ou non de Lugonovo no goberno”.

Neste senso, a Alcaldesa subliñou que “aínda que faltan tres semanas para finalizar o prazo legal establecido, non nos preocupa esgotar os tempos porque do que estamos a falar é de sentar os piares do que será unha estrutura de Goberno para os vindeiros catro anos. É dicir, do que falemos e acordemos agora depende moito como discorra todo o mandato, polo que non nos debemos deixar levar pola ansiedade, nin polas presas, senón actuar con seriedade e responsabilidade. Así o esixen os cidadáns”.

En calquera caso, engadiu, en cando Lugonovo exprese na súa asamblea de mañá a vontade de entrar ou non no Goberno, “sabendo esa decisión, fixaremos o reparto de áreas a finais desta mesma semana, e estaremos en disposición de convocar o Pleno de Organización para a seguinte”.

Lara Méndez afirmou que leva “dúas semanas de intenso traballo dende a investidura para garantir o normal funcionamento do Concello e sacar adiante ademais iniciativas en beneficio das nosas veciñas e veciños, grazas, entre outras medidas, á Xunta de Goberno que constituímos practicamente nada máis empezar”.

Entre esas medidas positivas, destacou un obradoiro de emprego “que mellorará as posibilidades de inserción laboral de 23 desempregados da nosa cidade en ámbitos cun enorme potencial en Lugo, como son a cultura e o turismo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com