As negociacións entre PSOE e Lugonovo para a conformación dun goberno de progreso víronse hoxe rotas. Nunha complicada xornada, non foi posible pasar da cuestión económica nas rebaixas de gastos da corporación. Lugonovo esixía reducir de trece a sete as dedicacións exclusivas dos políticos, cinco para o PSOE e dous para Lugonovo, sendo a relación de concelleiros de oito a tres.
Dende o Partido Socialista de Lugo, Luis Álvarez, como representante nas negociacións do seu partido, afirmou que a plataforma cidadá impuxo “unhas condicións inasumibles, e aínda que aceptamos a reducción do gasto político, non podemos aceptar a proporción de oito concelleiros e cinco dedicacións que lle corresponderían ao PSOE, e que Lugonovo con tres concelleiros se adxudique dúas dedicacións exclusivas”.
Segundo Lugonovo, “o PSOE pechouse en banda cunha proposta manifestamente consensuada de antemán co Partido Popular, na cal este non se vía perxudicado polas modificacións, a pesar de perder tres actas o pasado 24M”, extremo que dende o Concello negan tallantemente.
Mañá pola mañá, ás 11.30, Lara Méndez e o seu equipo ofrecerán unha rolda de prensa para dar a súa versión sobre este desencontro que polo que semella, avoga ao PSOE a gobernar en minoria.
Asemade, Lugonovo convocou unha rolda de prensa mañá 30 ás 17:00, no seu local na Praza Armanyá.