Diante duns comicios, móllanse os políticos, salpícannos aos votantes, e tárdanos o Día D para votar e sosegarnos. Nos albores democráticos, os partidos disparaban estratexias, fogos de artificio, desempolvaban promesas e realizacións, ateigábannos de mítins, pancartas, sorrisos e ledicia libertaria… e, coñecido o resultado, o gañador a gobernar e colocar aos seus e o perdedor a lamber as feridas, feito leal oposición.
Co pasos dos cuatrienios, as eleccións – “sangue, suor e bágoas” – son xa loitas a morte das que dependen facendas e vidas, pois moito porvir laboral e familiar se xoga ao depositar os votos.
Tito Livio asigna a Breno, galo vencedor de Roma, o “Vae victis” que 25 séculos despois segue vixente: “Ai dos vencidos!”. Daquela nas guerras, agora nas complexas eleccións que cada unha esixe catro anos de estratexia.
“La tierra, para quien la trabaja”, proclamaba Zapata na revolución mexicana. A “Falanxe auténtica” aumentou: “La tierra y la empresa para quien la trabaja”. E habería que certificar que “A política para quen a traballa”, pola profesionalización do seu exercizo e a exclusividade de participación a través de media ducia de opcións.
Aínda sen convocarse as eleccións, o ambiente político é febril. E diante do despliegue frenético da candidata do PP e a constancia presencial do BNG, ata a alcaldesa sae do despacho, e os Medios non dan feito para atender tanto dinamismo, superado só polo desenfreno da Deputación por facernos comulgar con tanta eficacia investidora. E o votante, a velas vir, agardando que escampe.