Cambiarás de muiñeiro…

O trato que recibimos das grandes compañías pode que non encaixe na definición de piratería, á que poderían dar leccións. Esaxero se comparo a estas entidades con piratas pero se Naturgy me cobrou mensualmente dous recibos por mantemento de gas e electricidade, cando deixei de ser cliente hai un par de anos, algo de pirateo observo, ademais – iso si – de deixación pola miña parte por non preguntar antes por cargos periódicos sen explicación algunha, que por ser pequenos pasaban desapercibidos. Pois resulta que alegan que poido seguir tendo o mantemento cunha compañía aínda que a deixase por outra.

Funme de Naturgy a Iberdrola e o trato ven sendo correcto na electricidade, pero non sei se chorar ou berrar polo que me fixeron no gas. Foi por maio do ano pasado que Iberdrola me multiplicou por catro o prezo, e en vez de decirmo claramente aumentou a cuota mensual un cen por cento, calculando a ollo o consumo sen revisar o contador, sorprendéndome agora cunha factura que expresada en pesetas supera o importe dun coche que comprei xa sendo maior.

Acudo á empresa e cámbianme a tarifa, indicándome que seguro me comunicaron os novos prezos por correo electrónico, que tivo que ser dun xeito para o que nin os anos nin a experiencia me teñen preparado.

Non será un roubo – dous, neste caso –, pero tampouco conducta normal, de igualdade, senón pillería abusiva. Iso si: desde agora analizarei con ollo miope cada comunicación e factura que reciba. E cada ano revisarei condicións, ofertas, e non serei amigo de ninguén, que na piratería non hai amigos. O sabio refraneiro teno moi claro: Cambiarás de muiñeiro.. pero non de ladrón.

Xulio Xiz.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com