O BNG pedirá na Xunta de Portavoces que o Pleno Municipal recupere competencias

O BNG-Asambleas Abertas trasladará á xunta de portavoces unha proposta para que o Pleno da corporación recupere competencias que agora son atribuidas á xunta de goberno local. Para o BNG-AA a nova configaración que os lucenses lle deron á corporación municipal “implica que ten que ser o pleno, e todas as forzas alí representadas, quen tome as decisións sobre temas transcendentais para o Concello”.

“O Pleno da corporación ten que recuperar competencias para garantir a transparencia nesta nova etapa do concello de Lugo” dixo Rubén Arroxo que participou hoxe mesmo nunha concentración contra a Lei mordaza diante da subdelegación do goberno. Arroxo lembrou que “o goberno municipal de Lugo vai ser un goberno en minoría que vai ter que chegar a moitos acordos ao longo deste mandato coas diferentes forzas”.

Rubén Arroxo dixo que “semella que o camiño do PSOE vai no sentido contrario” en referencia “ao feito de que a alcaldesa pretende evitar a presenza dos grupos políticos nas mesas de contratación reducindo así a transparencia das mesmas”. Arroxo insistiu tamén na necesidade de que se convoque unha Xunta de Portavoces previa ao pleno de organización municipal por que “no pleno de organización defínense cousas importantes para Lugo, non se trata unicamente de repartirse salarios e dedicacións como consideran algúns”.

O BNG-AA iniciará conversas co resto dos grupos para promover unha xunta de portavoces en réxime de autoconvocatoria xa que “non pode ser que os dous grandes partidos manteñan as súas condicións e se faga a rebaixa a costa das forzas minoritarias”. Arroxo sinalou que aínda non se acometeu tampouco o reparto dos locais e a maior parte dos grupos municipais carecen de medios neste momento para realizar o seu traballo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com