A asemblea local do Bloque Nacionalista Galego en Cervantes ven de elixir por unanimidade a Bernardo Valdês Paços como candidato á alcaldía de Cervantes. Bernardo Valdês é veciño de San Román de Cervantes e profesor da área de economía agraria na Universidade de Santiago de Compostela.
Bernardo Valdês declarou que “Cervantes é un concello cun gran potencial, con persoas emprendedoras e dinámicas, cun importante patrimonio natural e cultural, cun importante sector agroforestal. O noso concello ten recursos humanos, culturais e naturais que deben ser aproveitados” e destacou” o goberno municipal non pode permanecer pasivo, ten que ter iniciativa para impulsar a actividade económica, para fixar poboación, para ofrecer vivenda, para garantir os servizos públicos de calidade, para atender a todas as nosas parroquias ou para ofrecer actividades de cultura e lecer, entre outros aspectos”
O candidato do BNG á alcaldía agradeceu ás compañeiras e compañeiros o seu apoio “formar parte desta candidatura é un orgullo, somos un grupo de persoas capacitadas, comprometidas co futuro de Cervantes e o benestar da súa veciñanza, e que te elixan democraticamente para encabezar este proxecto política é unha honra”
Por outra banda, Bernardo Valdês destacou que “tras décadas de inacción do goberno municipal, Cervantes precisa dun novo rumbo, un camiño que poña a funcionar este concello e que o faga revitalizar, no que os servizos públicos, o tecido económico e o benestar das persoas sexan a combinación perfecta para desenvolver un proxecto de vida aquí”