Sindicatos e patronal reuníanse as dez da mañá de hoxe na Mesa Galega do sector do Transporte, que tivo lugar no Consello Galego de Relacións Laborais, entre patronal e sindicatos. Unha xuntanza que rematou transcorridas máis de oito horas cun preacordo polo que se suspende a convocatoria de folga para os días 27 e 28 de abril, pero mantendo a convocatoria de folga indefinida a partir do día 8 de maio, porque “queda aínda unha parte importante por negociar”.
Xesús Pastoriza, responsábel do sector de Transporte da CIG e representante da central sindical na Mesa Galega, explica que se acordou a suspensión das dúas xornadas de folga ao a patronal aceptar pagar os IPC do 6,5% en 2021 e do 5,7% en 2022. Isto está condicionado a que se acade un acordo final porque, segundo matiza, “hai cuestións pendentes”.
O representante da CIG valora positivamente este avance porque implica que “o poder adquisitivo destes anos se recupera”. Porén subliña que queda pendente o referido a Lugo, porque as traballadoras e traballadores desta provincia “estiveron sen convenio nos anos 2017, 2018, 2019 e 2020, polo que queda aínda a negociación de todos estes anos”. En todo caso afirma que “polo menos o 21 e 22 xa os temos acordados”.
Marco galego
Tamén teñen acordada a apertura dun acordo marco galego do convenio onde “só imos presentar os puntos que levabamos nós na nosa plataforma”. Ao que no preacordo engadiron a matización de “sen menoscabo de que se puideran abrir outros puntos de negociación se ambas as partes, de mutuo acordo, así o deciden”.
O representante da CIG conclúe aavaliando moi positivamente que se teña conseguido que, en principio, “o marco negociador vai ser galego e sobre a plataforma da CIG”.