Comisións Obreiras (CCOO) presentou unha denuncia na Inspección de Traballo por vulneracións da normativa laboral no cemiterio municipal de Lugo. No seu escrito, o sindicato afirma que “non se está a cumprir o disposto en materia de descansos do persoal, xa que a xornada supera «con moito» os límites establecidos de días de descanso entre xornada”. Tamén afirma que “non se cumpre o que dispón a lexislación para a axeitada protección da saúde dos traballadores e traballadoras deste servizo”.
No que atangue aos descansos, CCOO indica “que se chegou a traballar «máis de 12 ou 14 días consecutivos», incluíndo fins de semanas e festivos”. Neste punto, o propio convenio colectivo fixa que o persoal, nos casos en que «polas peculiaridades do seu cometido ou de quenda rotatoria non poidan gozar dos días inhábiles […] terán dereito a dous días de descanso ininterrompido dentro da mesma semana».
Xa no referente á protección da saúde, Comisións sinala “que o cadro de persoal debería estar composto por sete persoas, pero soamente hai seis porque está vacante unha praza. Isto tradúcese en máis carga de traballo para o resto do persoal. Asemade, pola natureza do seu traballo, sinala o sindicato, chegan a manipular lápidas de máis de 100 quilos, malia que as recomendacións na materia non aconsellan mover cargas superiores aos 25 quilos por persoa”.
Segundo o sindicato, estes incumprimentos están a producir “baixas laborais constantes, co consecuente incremento da carga de traballo e dos riscos para os restantes traballadores e traballadoras”.
A sección sindical de CCOO no Concello de Lugo coida que unha solución sería “cumprir as ratios de persoal para realizar os enterros e exhumacións, isto é, que se garanta que haxa en todas as quendas o cadro de persoal completo de catro persoas co que debería contar o servizo”.