A Agrupación Socialista da Pobra do Brollón presentou este sábado a candidatura coa que concorrerá ás eleccións municipais do 28 de maio, e que encabeza Adolfo Rubio. O candidato á alcaldía sinalou que “Queremos abrir as portas e ventás do Concello da Pobra do Brollón para que corra o aire e favorecer a participación da veciñanza, porque logo de 16 anos de maioría absoluta os que están hoxe no goberno local cren que poden facer e desfacer sen contar cos veciños”-
Plan Explica e máis servizos para os veciños
Adolfo Rubio unha das obras que acometerá será a construción, coa axuda da Deputación de Lugo, da tan agardada residencia de maiores “facer realidade a residencia de maiores é un obxectivo prioritario, e tamén devolver a transparencia ao Concello”. Neste sentido, o candidato socialista apuntou que “levamos no noso programa o Plan Explica, que consistirá en reunións periódicas cos veciños e veciñas para tratar temas de interese municipal e de futuro”.
“Cando gobernemos imos retomar as negociacións sobre o cuartel da Garda Civil para poder ter un edificio multiusos á disposición da veciñanza e tamén estudaremos a posibilidade de que o albergue quede situado nun lugar máis céntrico”, engadiu. Entre as propostas programáticas dos socialistas, Rubio sinalou así mesmo a necesidade de reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), mellorar a xestión económica, dotar de máis e mellores servizos ás parroquias ou recuperar as brigadas contra incendios e de Protección Civil.
Candidatura do PSdeG ás eleccións municipais da Pobra do Brollón
A candidatura socialista da Pobra do Brollón está composta polos seguintes candidatos e candidatas:
- Adolfo Rubio Pascual
- Javier Quiroga Castro
- Antonio Fernández Camino
- Tamara Rodríguez Pérez
- Adoración Fernández González
- Domingo Novoa Prieto
- Javier Maceda Rodríguez
- Raúl Díaz Rodríguez
- Marcos Méndez Vila
Suplente: Antonio Muñoz Cantero