A maioría dos traballadores de Europastry secundan este mércores unha folga para reclamar melloras salariais

A práctica totalidade dos traballadores e das traballadoras de Europastry (antiga Ingapan) en Lugo están secundando este mércores unha xornada de folga para reclamar melloras laborais e salariais. Para dar máis visibilidade ás súas demandas, o persoal realizou unha manifestación a media mañá que saíu das instalacións da empresa no Polígono do Ceao e foi até o Mercadona da Avda. Infanta Helena, xa que esta cadea de distribución é unha das principais clientas da empresa.

Durante a manifestación, o persoal de Europastry confluíu brevemente co piquete dos compañeiros e compañeiras do metal (que hoxe están desenvolvendo o cuarto día de folga por un convenio digno) e ambas loitas recibiron o apoio e o recoñecemento mutuo.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG, Christian López Carmona, explica que “dende que o grupo Europastry se fixo co control total da lucense Ingapan o pasado ano, comezouse a implantar unha política de recortes e precarización laboral que tocou dereitos tan diversos como a retirada da cesta de nadal -que o persoal tivo que recuperar en vía xudicial- ou os descontos nos incrementos das antigüidades”.

“Europastry vive instalado nunha precariedade manifesta”, denuncia López Carmona, quen lembra que “na provincia de Lugo o grupo conta con factorías no Polígono do Ceao, Outeiro de Rei e Begonte e aínda cando todas forman parte da mesma actividade, as condicións laborais e os sistemas retributivos dos/as traballadores/as son distintos e mesmo existen discriminacións co persoal de nova contratación”.

Sinala que “a isto súmaselle unha deficiente organización no traballo e o empobrecemento dos soldos no contexto de medre disparado do custe da vida. Cómpre indicar que o persoal de Europastry réxese polo convenio provincial de panaderías que demostrou ser un absoluta fraude, pois as táboas salariais xa están superadas polo SMI”. De feito, nunha das pancartas que portaban hoxe na manifestación podíase ser ler “Europastry, produtos de primeira, salarios de terceira”.

Na factoría de Lugo traballan arredor de 500 persoas contratadas directas e outras preto de 300 contratadas a través de empresas de traballo temporal. “Isto é un foco de precariedade total. A empresa abusa deste tipo de contratación”, alerta Carmona, ao tempo que salienta “a elevada participación do persoal eventual de ETT nesta xornada de folga”.

O comité (con representación única da CIG) trasladoulle á empresa unha proposta de melloras que a compañía “non está atendendo”, e aínda que o pasado venres a dirección manifestou vontade de chegar a acordo, sinalan que “non estamos vendo esa vontade por ningunha parte”. Ao contrario, critica o secretario comarcal da FGAMT-CIG, “Europastry mesmo está perseguindo a declaración da folga como ilegal”.

López Carmona apunta que “Europastry é a principal empresa do sector de panadarías e pastelaría industrial do Estado, ten uns beneficios millonarios e está facendo importantes investimentos nas factorías polo que agardamos que tome nota da resposta do persoal e sente negociar un acordo de melloras nas condicións salariais e de traballo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com