A actividade busca implicar a unha vintena de mozos e mozas nun novo proceso de embelecemento en dous espazos públicos vinculados co ocio xuvenil da cidade.
“Mural Cidade” é unha iniciativa impulsada a través da Concellería de Xuventude, acción que se enmarca na estratexia ‘+Xti’, que se desenvolve a través do Servizo de Prevención de Drogodependencias e outras adicións.
Este novo proxecto conleva o traballo en dous puntos, un deles é a pista deportiva na rúa Roi Xordo e a outra, definirase durante o tempo que dure a actividade, convidando aos participantes a sumarse á elección do espazo.
“Mural Cidade” abarca tres fases: en primeiro lugar, as sesións lúdico-formativas, despois comezarán os talleres de experiencias, impartidos por especialistas en diferentes disciplinas e, por último, a fase da execución do proxecto de reforma e mellora dos dous espazos.
O programa colaborativo está aberto á veciñanza de 14 a 35 anos de idade.
A mocidade interesada pode inscribirse dende xa a través das contas info@educohabitar.com e espaciolupaarte@gmail.com. A actividade dará comezo o día 10 de xuño e desenvolverase ao longo dos meses de xuño e xullo. As sesións terán lugar en xuño, os sábados e domingos de 11.00 a 14.00 h e en xullo, os venres e sábados de 11.00 a 14.00 h. O programa está coordinado pola arquitecta Elena Belgrano (EduCoHabitar), e Iago Eireos, coordinador de Espazo Lupa Arte, dedicado á produción artística e á xestión cultural.