O CD Lugo presentarase no Angel Carro, en partido amigable, o sábado día 8 de agosto. Este será o seu último encontro de pretempada ante a súa afección contra un equipo aínda por determinar.
Con anterioridade, o conxunto que adestra Luis Milla disputará seis encontros máis. O primeiro deles, segundo adiantou hoxe o director deportivo, Toni Otero, xogarase o día 15 de xullo contra o UD Somozas en Viveiro. Tres días despois, o día 18 en Ribadumia, o CD Lugo disputará un triangular coa participación do conxunto local e a SD Compostela, de segunda división B.
Os amigables de pretempada continuarán o día 22 en Monforte de Lemos, onde o CD Lugo se enfrontará ao Coruxo, de segunda división B. A preparación de cara á próxima tempada seguirá coa disputa do trofeo Emma Cuervo, en Ribadeo, o día 25 contra o Deportivo da Coruña.
A programación de partidos previstos para xullo completarase o día 30 co enfrontamento contra unha selección da AFE en Vilalba. Antes da presentación do equipo no Angel Carro, o equipo lucense xogará en Somozas, contra o UD Somozas, o 1 de agosto.