Este sábado arrinca a conta atrás para a celebración do XXII Arde Lvcus. Doce días que restan para poder gozar da primeira edición xa coa consideración de Festa de Interese Turístico Internacional e para a que as asociacións de recreación histórica da cidade, da man da concellería de Xuventude, están a preparar unha extensa programación chea de propostas e actividades.
A primeira delas, a que oficializa precisamente o inicio dese desconto, é o Natalicio.
Este primeiro evento que será o prólogo da transformación que vivirá a capital entre o 22 e o 25 de xuño e coa que se rememorará a orde que o emperador Octavio Augusto deu para construír as cidades de Lucus Augusti, Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga), irmandadas dende 1986.
O Natalicio dies natalis MMXXIII terá lugar este sábado na Praza de Santa María, dende as 20:30 horas.
Alí, o Orfeón Xoan Montes e a Coral Ecos do Miño interpretarán o Himno Calendis, propio desta cerimonia, creado por José María Núñez. Ademais as asociacións Salesiani, Asemblearias e o Senado escenificarán as obras de teatro ‘Un día educando na Antiga Roma’, ‘Rito á Deusa Carmenta’ e ‘Conxura Senatorial’, respectivamente.
De novo o Senado pero tamén a Cohors, Ara Romana e Lucus Equites porán o contexto histórico con narracións sobrea fundación da cidade e o Iubilator, ademais de realizar unha ofrenda aos deuses. E todo o relato estará aderazo coa música de Abrahám Cupeiro, que exercerá de fío condutor.
Un desfile polo centro da cidade conducirá ás persoas asistentes até a Mosqueira onde está prevista unha ofrenda floral e a instalación dun panel informativo que irá sinalando os días que faltan ata alcanzar o inicio das celebracións e, xa para rematar, as asociacións regresarán á Praza Maior percorrendo a rúa San Pedro.
Todo o acto será retransmitido en streaming dende a páxina web oficial das festas www.ardelucus.com