No Paseo dos soños de Vilalba, un monolito honra aos Irmáns Coira, como chairegos destacados nos mundos da cultura de Galicia. Os Coira de letras, como eles con humor comentaron.
É unha familia singular. Son sete fillos de médico e farmacéutica, sobriños de historiador, que desde o seu Rábade natal se espallaron por Galicia, sendo catro de ciencias – médicos, farmacéuticos, profesores… – e tres de letras, agora homenaxeados co seu hectómetro no Paseo que conta xa con 17 monolitos.
Xosé, Xurxo e Carlos Coira, representan á literatura e á imaxe, á música e o libro, téndose feito imprescindibles na actualidade de Galicia, no estudo e na publicación, no guión ou na dirección, estando sempre presentes na nosa vida cultural.
Ao principio falouse de “Hectómetros literarios” para o Paseo dos Soños, pero logo foise enriquecendo coa maxia de Carballo, o cine de Margarita, o pensamento de Chao, a música de Ramón Luis, as cancións de Mini e Mero, a loita cultural de Alfonso Blanco, a escultura de Victor Corral, a neurociencia de Sonia Villapol, e agora cos poliédricos Coira que representan á cultura como un feito global que nos invade e nos impulsa, facéndonos moito máis donos de nós.
Esta ringleira de esculturas está a piques de completar o camiño entre os muíños do Rañego e da Magdalena, podendo seguir cara aos Freires, ou dar a volta e situar outras tantas na outra marxe do Paseo. Aínda asi, dentro de trinta ou corenta anos haberá que cavilar de que maneira seguir a honrar aos destacados chairegos da cultura, porque o “Paseo dos soños” naceu para perdurar e gardar memoria de especiais servidores da cultura.