O vindeiro mércores, 21 de Xuño, a partir das 19.30 horas, a Tradescola celebrará o fin de curso con dous concertos de música e baile tradicional que terán lugar no Patio do Vello Cárcere de Lugo. Nesta actividade actuará o alumnado adulto de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, pandeira, percusión e requinta da Tradescola acompañados polos seus mestres.
O centro que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, mediante nota de prensa, fixo un balance “moi positivo deste curso, no que ademais das aulas impartidas, puideronse realizar numerosas actividades de promoción e difusión da cultura tradicional tanto na cidade de Lugo como en distintas comarcas da provincia”.
No último semestre, a Tradescola levou a cabo numerosas actividades como os concertos didácticos para escolares celebrados en Sarria, Antas de Ulla, Cervo ou Lugo, os concertos Sons de Maio para Francisco Fernández del Riego, a representación do Folión de Entroido, presentación de publicacións como a do libro da vida e repertorio de “Concha de Luneda”, a celebración dos Maios, a organización dunha nova edición do certame de debuxo para escolares de toda a provincia sobre “Os instrumentos da música tradicional galega”, o programa “Coñecemos as tradicións a través da horta”, unha actividade xestionada pola Tradescola na que os escolares de 6º de Educación Infantil lucenses tiveron ocasión de poder traballar nos hortos dos seus centros educativos, e ademais aprender sobre a nosa cultura tradicional.