Cada xornada electoral, coñecida a decisión suprema dos electores, temos a impresión de proba superada, de ter delegado en persoas capaces, entusiastas, os nosos intereses máis directos, quedándonos só a contribución xusta a través dos impostos para que os elixidos poidan exercer a súa función.
Así é cando a vontade popular é tan clara que a forza maioritaria ten a capacidade de executar o seu programa, sen depender de ninguén. Os que conseguen maiorías absolutas consideran que son perfectas para o goberno, e os que non as conseguen coidan que a democracia está na suma de minorías. E na provincia rexistráronse inquedanzas notorias nas que a suma de minorías tuvo no aire gobernos ata o último momento.
De pouco vale a proposta de deixar gobernar as listas máis votadas, que todos algunha vez cobizaron pero que deixan de querelo no momento en que esas listas non lles favorecen, e daquela funciona a enxeñería política.
Atento á actualidade política, só teño visto un exemplo de talante que debera proliferar como é o de Elena Candia que vendo que o goberno da capital lucense repártese entre Psoe e Bng sendo o dela o grupo máis votado, pon firmes ás súas tropas que quedan citadas os luns ás oito da mañá para traballar como se estiveran gobernando, augurando calor político nunha cidade na que ás veces fai frío.
Completado o sábado o traballo dos votantes, agora empeza todo: para os gobernantes e para quen está na oposición. Os votantes somos soberanos, e ninguén pode criticar os nosos votos. Nós, xa cumprimos. É o momento de traballar, cada un no seu posto. Agora empeza todo!.
Xulio Xiz