Hoxe mesmo rematou a reposición do pavimento e reabriuse ao tráfico con normalidade a vía, que comunica os municipios de Sarria e Becerreá. Os traballos realizáronse no punto quilométrico 3,700, no marco da reparación de danos causados polo temporal de primeiros de ano nas estradas autonómicas da zona sur da provincia. No caso desta estrada, a LU-636 a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu 56.700 e as obras realizáronse na contorna do polígono industrial do Mourelle.
As obras consistiron na substitución da instalación de drenaxe -unha obra de fábrica formada por dous tubos de 600mm de diámetro- por un marco prefabricado de formigón de sección 3,50×1,50m con 13 metros de lonxitude, para ofrecer unha maior capacidade de drenaxe.
De feito, a actuación -que contou coa autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil- foi proxectada para cumprir co concepto técnico da avenida dos 500 anos, isto é, para absorber o máximo caudal esperable na zona nese longo período.