A Xunta cede ao Concello os espazos públicos da terceira fase do polígono das Gándaras

A Xunta de Galicia cedeu hoxe ao Concello de Lugo máis de 20.300 metros cadrados de espazos públicos localizados na terceira fase do parque empresarial das Gándaras, unha vez rematados os traballos de urbanización nesta zona por parte de Xestur.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a rexedora municipal, Lara Méndez, formalizaron a cesión esta mañá coa sinatura ante notario das escrituras correspondentes a tres rúas, unha zona de reserva viaria e unha praza pública, cuxo elemento principal é a garita de vixilancia do antigo polvorín, unha construción histórica que foi trasladada pola Xunta con motivo das obras e reconstruída na súa localización actual.

Todos estes espazos pertencen á fase III de desenvolvemento do polígono lucense, na que preto do 65% das 25 parcelas dispoñibles xa están vendidas ou reservadas, tal e
como subliñou a vicepresidenta segunda. De feito, indicou que a semana pasada o consello de administración de Xestur acordou adxudicar 4 parcelas a 3 empresas por un
prezo de venda total de 234.900 euros, descontada xa a bonificación do 50% que aplica a Xunta neste parque.
En concreto, as empresas adxudicatarias destinarán estes terreos a almacenamento de maquinaria e materiais relacionados co sector da construción; a transporte e distribución de gasóleo; e a un taller para a transformación de pedra, mármores e derivados e almacén de granitos, cuarzos e porcelánicos —2 parcelas neste caso—.

Ángeles Vázquez avanzou que se está a traballar nas futuras ampliacións, e que este mesmo ano o seu departamento ten previsto licitar as obras de urbanización correspondentes ás fases IV, V e VII-a, que suman case 220.000 metros cadrados e garantirán a continuidade deste parque, permitindo o asentamento de novas empresas en Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com