O Sindicato Labrego Galego da Terra Chá vén de rexistrar hoxe, 3 de xullo, un escrito no Concello de Vilalba no que se pide deixar sen efecto as taxas de regularización catastral nas obras agrarias que estean acollidas ao proceso de regularización acometido en aplicación da disposición transitoria 11ª da Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia.
Para argumentar as súas peticións, o Sindicato Labrego Galego recordoulle ao consistorio vilalbés a dramática situación pola que está a pasar o sector leiteiro, maioritario na comarca, con prezos por baixo dos custes de produción e mesmo con granxas ás que ameazaron con deixar de recollerlles o leite. “Nestas circunstancias, resultaría inviable para moitas explotacións pagar as taxas de regularizar bens inmobles que non estean dados de alta no Catastro -60 euros por cada unha- así como pagar o Imposto de Bens Inmobles (IBI) dos últimos catro anos que tería dereito a cobrar o concello, e que ascende ao 0’5% do valor catastral do ben inmoble. Hai que ter en conta que, agora mesmo, hai granxas que non dan pagado tódalas facturas que teñen a fin de mes, como para engadir outras máis na súa conta de débedas”, sinalaron.
Outra das peticións do Sindicato Labrego Galego é que se abra un servizo extraordinario de información á cidadanía no concello con este tema para que, quen queira, poida informarse de como lle afecta ás súas propiedades a revisión catastral.
Polo demais, no escrito critícase que a actualización do catastro en Vilalba supón, no caso concreto das construcións para usos agrogandeiros, “taxacións decotío por riba do valor real da obra, o que se traduce nun aumento dos impostos aos que terán que facer fronte as granxas, e mesmo a perda de becas de estudo para as familias en caso de que teñan bens inmobles cuxo valor supere os 13.000 euros por unidade familiar, algo que pode ser doado en naves para o gando de tamaño grande”.
Dende o SLG sinalan que “os concellos, ademais de contar con mecanismos de presión para defender a súa xente, contan con posibilidades legais para establecer non un trato de favor, senón un trato xusto e que responda ás circunstancias sociais. Así, a lexislación de facendas locais conta con mecanismos para facer valer os intereses da poboación rural que se dedica á actividade agrogandeira, como é o caso de exencións e bonificacións a través das oportunas ordenanzas, sempre no marco das súas competencias”. No escrito tamén se pide que se apliquen as exencións ou bonificacións de oficio que correspondan para as vivendas do rural e para as construcións agrarias.