Militantes do BNG concentráronse nas inmediacións da estación do camiño de ferro para reivindicar un tren digno para Lugo. Ao acto acudiu o candidato a deputado do BNG por Lugo, Daniel Castro, quen afirmou que “seguiremos traballando no Congreso e nas distintas institucións para que Lugo conte cun tren digno, o que pasa por cuestións como a actualización da liña Lugo – A Coruña ou a creación dunha conexión directa entre Lugo e Compostela”.
Daniel Castro sinalou que “Galiza sofre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, tanto por parte dos gobernos do PP como do PSOE”, e engadiu “isto tradúcese nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos, particularmente no transporte ferroviario”.
O número un do BNG por Lugo afirmou que “a chegada do AVE a Galiza, con case 30 anos de atraso sobre a data anunciada nun primeiro momento polo goberno do Estado, só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”.
Castro comprometeu a creación do GALTREN, un ente ferroviario público ideado dende o propio partido e que apostará e impulsará o transporte de proximidade en Galiza. “Precisamos comunicarnos, vertebrar o País e cohesionar o territorio galego”, dixo Daniel Castro, que valorou o tren como un elemento chave para unha mobilidade sustentable”.