O voceiro do Mar dos populares galegos, José Manuel Balseiro afirmou esta mañá que as lonxas da Mariña lucense facturaron durante o primeiro semestre do ano un total de 54,8 millóns de euros polas vendas de peixe e marisco fresco, segundo datos de Pesca de Galicia. Esta cifra supón un 11% máis que no mesmo período do ano anterior, onde a facturación ascendeu a 48,9 millóns de euros.
Asemade, o popular salientou “a importancia do incremento dos ingresos e do valor das capturas nas rulas lucenses ao tempo que se manteñen practicamente as capturas. Entre xaneiro e xuño movéronse nas lonxas da zona 20.541.238 quilos fronte aos 20.674.895 quilos do ano pasado, un tímido descenso do un por cento”.
A lonxa máis importante da zona en termos de facturación e número de capturas foi Burela, seguida de Celeiro, aínda que todos os pósitos excepto o de Ribadeo, rexistra un incremento do valor das vendas.
“Os datos analizados se corresponden coas cotizacións efectuadas nos seis primeiros meses deste ano 2015, un período que aínda non contempla o groso da costeira do bonito que, no seu primeiro mes de campaña deixa unhas cifras que volven a superar as rexistradas en 2014, ofrecendo tamén maiores ingresos, con aumento de descargas e prezos medios”.
Balseiro quixo poñer en valor a evolución positiva das lonxas da Mariña ao tempo que insistiu “na importancia de seguir avanzando en novas estratexias de comercialización dos peixes e mariscos galegos que permitan achegar maior valor engadido ás capturas”.