Daniel Castro: “Debemos compatibilizar a protección ambiental e a protección dos pescadores”

Prosegue a campaña electoral  e os candidatas e candidatos das diferentes formacións apuran as derradeiras xornadas, hoxe o  número un ao Congreso pola provincia de Lugo, Daniel Castro, visitou o porto de Celeiro onde coñeceu a situación da pesca de arrastre na actividade pesqueira do país. Alí, Castro declarou que “se a pesca é un puntal da economía galega e do emprego, na provincia de Lugo e na Mariña aínda o é moito máis coas potencias pesqueiras que representan os portos de Celeiro e Burela, e máis no actual contexto de crise industrial e de emprego que atravesa esta comarca”.

“Desgraciadamente cumpríronse as peores previsións para un sector que xa está sometido a unha estrita regulación e control. Todos os esforzos da nosa flota pesqueira polo cumprimento da normativa lonxe de ser recoñecidos, son desprezados e demonizados”.

Para Castro, a nosa é unha frota que é “exemplo internacional de boas prácticas e, con esta decisión da Comisión Europea, vai ver minorada da considerablemente unha parte fundamental dos seus caladoiros”.

Esta situación, explica Castro, afecta a todo o país e provoca “que moitos barcos se teñen que desprazar moito máis do normal, o que inflúe de xeito directo no traballo dos demais profesionais pesqueiros e, como consecuencia, en moitos postos de traballo”.

Galiza, explica Castro, “é a primeira rexión pesqueira europea, e en termos xerais, a nosa frota representa case a metade de toda a española, pescando en diferentes augas a nivel estatal, europeo e internacional. Daniel Castro reclamará no Congreso unha actitude máis firme e decidida en defensa do sector pesqueiro de Galiza” para evitar a prohibición da pesca de fondo. Segundo o número un, esta medida “non se sustenta en estudios rigorosos, posto que non existe ningún informa serio que o avale”, xa sexa por razóns ambientais ou de sostibilidade.

“Debemos compatibilizar a protección ambiental e a protección dos pescadores”, explicou o candidato, quen instou aos presentes a presentar un recurso sólido para ter a máxima oportunidade “de darlle a volta a este regulamento que tanto os prexudica”.

Castro destacou que é preciso tamén fomentar o consumo de peixe entre a veciñanza. Para o candidato do BNG, a redución do IVE asociado ao peixe “non só favorecería ao propio sector senón á poboación en xeral e, moi en particular á máis desfavorecida economicamente, ademais de contribuír a fomentar o consumo de produtos pesqueiros”. Concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com