O “Milagre” de San Vicente, en que manou viño da fonte
De novo Lugo Monumental axudará un ano máis a San Vicente a facer manar viño da fonte barroca da Praza do Campo, e será este sábado día 29 de xullo (día de Santa Marta, patroa da Hostalería) ás 20:30 horas. Esta tradición fai que, grazas ao patrocinio de Viliga (Viños e Licores de Galicia) o público poda degustar gratuitamente o viño que mana da fonte da Praza do Campo, onde se repartirán miles de vasos aos asistentes.
O mecanismo empregado para que se obre o “Milagre” é relativamente sinxelo e conta con tres grandes bidóns en que se deposita o viño, que a través de tubos alimentarios sae polos tres caños da fonte. Hai que destacar que o viño non toca a fonte en ningún momento o que repercute tanto nun uso garantista do monumento, como na perfecta hixiene do evento, algo que “a Asociación coida meticulosamente”.
Premios de Lugo Monumental
Como é tradición, neste acto entregaranse cunha moi sinxela cerimonia, os premios da Asociación Lugo Monumental: Recoñecemento a toda unha vida dedicada á Hostalería: Confeitería Madarro En 1891 naceu a Confeitería Madarro, que máis de 130 anos despois segue ofrecéndonos elegancia, estabilidade e esa familiaridade que só os pequenos establecementos de toda a vida poden garantir.
Asemade haberá un recoñecemento a un Comercio singular: Os Maragatos. “Hai case século e medio, no ano 1880, a primeira xeración dos Maragatos da Porta de San Pedro, o matrimonio formado por Tomás Pérez Carro e Vicenta García Carro, procedente de Santa Colomba de Somoza, no corazón da Maragatería leonesa, asentouse fronte á histórica Porta Toledá da Muralla Lucense (a actual Porta de San Pedro), converténdose en lucenses”.
Tamén se producirá o nomeamento de Socio de Honra da Lugo Monumental na persoa de Julio Giz Ramil . “Máis aló do seu currículo en medios polos que recibiu numerosos premios nacionais e internacionais, é un comunicador nato, incansable defensor de causas sociais e culturais ás que sempre prestou o seu apoio e o seu inconfundible e magnífica voz. Con Carlos Rodríguez Arias creou a Produtora de Vídeo e Editorial Ophiusa e a primeira TV local en Lugo, Televisión Lugo”.