Lugo Monumental

Gerald Denley, escritor inglés en galego, dedicoulle un poema ao bosque de piñeiros de Valdoviño no que se construíu a urbanización O Piñeiral. Algo así podería ter pasado coa praza onde a tradición indica que predicou Domingo de Guzmán baixo unha gran árbore, se Lugo Monumental calase, os lucenses nos conformásemos, e a pedra triunfase sobre o verde.

Os humanos podemos ser peóns, automobilistas, ciclistas, motoristas ou patinetistas. Como peón, desfruto e admiro as zonas peonís, sabéndoas parciais por ter que compartilas con residentes, repartos, servizos públicos e kamikazes. Como condutor, súfroo en propia carne, sabendo que a cuestión é dificultar a condución para converternos en peóns.

O proceso de peonalización, que coincide coa miña evolución camiñante, sorpréndeme polos resultados e a acomodación popular á desaparición do automóbil da vida urbana, despois de que tanto nos costase motorizarnos.

Diante do proxecto de reforma de Santo Domingo, Lugo Monumental tocou a rebato as campás dixitais, conseguindo en poucas horas que máis de mil lucenses nos pronunciásemos en contra, seguindo con asinamentos físicos sobre un tema que afecta ao corazón lucense.

Lugo Monumental é moito máis ca unha asociación de empresarios, e este “movemento de peón” é boa proba. Están á que salta, e este era un salto importante para unha praza simbólica no centro lucense. A definitiva praza de San Domingos é para sempre; lóxico que se pense con calma. Lugo Monumental tiña algo que dicir e, ao dicilo, fíxonos tomar postura, deixando de ser “peóns” para ser conscientes peóns.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com