O Voceiro municipal do PSdeG en Sarria, Benjamín Escontrela, denunciou este mércores que o Alcalde da localidade, Claudio Garrido, “falta ao respecto á oposición” despois de que este convocase un Pleno de urxencia esta mesma mañá, só con apenas 4 horas de antelación, “sabendo que varios concelleiros non poderían acudir”. Cualificou a súa xestión de “caótica” e lamentou unha forma de gobernar “ditatorial e sen planificación de ningún tipo.
Segundo os socialista, o asunto que motivou a convocatoria do Pleno foi a necesidade de corrixir as partidas orzamentarias vinculadas a uns investimentos relacionados co alumeado público do Concello e poder así xustificar unha subvención dependente do IDAE. “A urxencia non estaba xustificada en ningún caso, porque os expedientes dos que tratou o Pleno databan dos meses de maio e xuño, e os prazos para optar a esta axuda sabíanse 6 meses antes polo que o rexedor convocou o Pleno tarde “con premeditación e aleivosía”.
“É unha falta de respecto á oposición e á veciñanza que representamos, e como tal temos que dicilo”, sinalou escontrela, que deu conta de que na sesión municipal faltaron esta mañá 4 concelleiros, un deles do Partido Socialista, que non puideron presentarse ao ser convocados esta mesma mañá.
Denuncia ademais a forma de actuar do grupo do Goberno local respecto á necesidade de modificar as partidas dos investimentos do alumeado público para non perder as axudas, e acúsao de “improvisación e mala praxe”. “Agora pretenden despachar o expediente engadindo un cadro de prezos asinado pola técnica municipal sen que se incorpore modificación algunha ou aclaración ao contido dos seus informes precedentes”, explica o socialista, que asegura que “os socialistas non apoiaron a iniciativa porque é susceptible de ser declarada nula de pleno dereito e mesmo susceptible de constituír un delito de prevaricación tal e como advirten os técnicos municipais”.