O Museo Provincial incorpora a moeda “sestercio da caetra” a súa colección numismática

O sestercio da caetra ou sestercio de Augusto, unha moeda, declarada Ben de Interese Cultural en setembro de 2022, e case única xa que só se coñecen tres exemplares das súas características no mundo, ven de ser incorporada ao Museo de Lugo. A peza foi adquirida a un coleccionista privado, polo que a súa compra supón a incorporación ao patrimonio público.

A deputada de Cultura Iria Castro sinalou que “o Museo Provincial de Lugo é o mellor espazo posible para conservar e expoñer á cidadanía esta moeda única, que amplía o patrimonio do propio centro museístico e da cidade de Lugo como referente internacional para o estudo da romanización” e destacou que “a persoa propietaria mostrou especial interese na incorporación ao Museo polo traballo que ven desenvolvendo nos últimos anos na conservación e posta en valor da súa colección numismática, que é unha das máis completas de todo o Estado”.

O sestercio da caetra é unha peza de bronce, de 38.07 gramos, coa cabeza de Augusto no anverso, e o escudo da caetra -escudo dos galacios presente nas esculturas de guerreiros atopadas en Galiza e no norte de Portugal- , no reverso. A falta doutros datos, as achegas ao coñecemento da moeda que se teñen realizado desde a numismática apuntan a súa cuñación no século I a.C. en talleres móbiles do campamento militar que deu orixe á cidade de Lugo.

Trátase da única das tres moedas coñecidas exposta ao público en Galiza. O outro exemplar, atopado en 2005 nunha escavación arqueolóxica en Bracara Augusta (Braga, Portugal), consérvase no Museo de Arqueoloxía Don Diego de Sousa de Braga; a outra da que se ten noticia vendeuse nunha poxa en 1968 e 1979 e o seu paradoiro actual é descoñecido.

O sestercio da caetra incorpórase á colección numismática do Museo de Lugo como parte dun lote de sete moedas, que inclúe dúas moedas suevas e catro visigodas. Trátase de dous trientes suevos a nome de Valentiniano -un deles o terceiro exemplar coñecido con ese diseño do busto-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Tuido que se coñecen doce exemplares-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Valdeorras –do que se coñecen tres exemplares-, un triente visigodo acuñado por Sisebuto en Sanabria – cinco exemplares coñecidos – e un triente visigodo acuñado por Gundemaro en Valdeorras –unicamente dous exemplares coñecidos-.

As moedas adquiridas amplían e completan a colección numismática do Museo Provincial de Lugo, formada por 10.000 moedas e medallas. O centro museístico traballa nunha reformulación da exposición permanente de numismática para mostrar o sestercio da caetra e o resto das moedas, unha vez conclúa a súa catalogación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com