A Consellería de Sanidade ten previsto iniciar a mediados do próximo mes de setembro o traslado do Punto de Atención Continuada (PAC) de Lugo ao novo Centro Integral de Saúde (CIS) do barrio da Residencia. Asemade, no mes de outubro realizarase a asignación do persoal.
Así o confirmou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, durante unha visita ao complexo sanitario xunto con Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu máis de 13 millóns de euros no CIS, que ademais do PAC comprende un centro de saúde moderno e accesible, un centro de saúde mental e a base do 061.
No seu conxunto, serán 8.000 m² de superficie construída e máis de 5.500 m² de superficie útil en 6 andares, permitindo albergar as 46 consultas do centro de saúde e do PAC e as 22 consultas do centro de saúde mental.