No Pasamento de Xesús(Suso)Arrizado Yañez

Hoxe ás catro e media da tarde celebrábase o acto civil na honra de Xesús Arrizado Yañez (Suso) tristemente falecido onte mércores.

Suso foi un exemplo para todos os que o coñecemos, en primeiro lugar, pola súa valía persoal, da que deixou a súa impronta nos lugares por onde pasou e tamén pola súa entrega a causas sociais e políticas nas que destacou dende moi novo polo seu traballo e compromiso.

Non foi Suso un home que se arredara diante das dificultades e así o amosou sempre que foi necesario. Foi un loitador tanto no plano persoal como no colectivo e nomeadamente no ámbito da defensa da nosa terra e dos seus dereitos políticos como militante nacionalista. Tamén o foi na reivindicación dos dereitos dos traballadores onde estivo batallando ata o fin.

A historia de Suso afonde a súas raíces na loita contra a ditadura franquista, onde demostrou a súa valentía e,  paralelamente, na organización dos primeiros movementos obreiros nacionalistas, cando a represión exercida polo réxime podía levarte á cadea ou mesmo á desaparición física, pero para el iso non era un problema, o seu compromiso e a súa palabra estaban por riba de calquera continxencia que puidera xurdir.

E isto, como dicía, demostrouno dende moi novo, sirva como exemplo os comezos na política e no movemento sindical que xa destacamos, ata a saída do Forga. Para el a loita e o compromiso a prol dos traballadores continuou ata onte. E mantivo,durante toda a vída, o seu ideario político e sindical en rumbo fixo, o cal non mudou, mesmo dende o posto no que traballou estes derradeiros anos na Deputación de Lugo.

En paz estea, este si, bo e xeneroso.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com