A área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo vén de implantar diferentes medidas preventivas de aforro de auga, encamiñadas a minorar a situación de estiaxe que sofre o Miño ao seu paso polo municipio.
O edil de Transición Ecolóxica afirmou que “por agora, aínda non foi decretada ningunha prealerta ou alerta de seca, dende o Concello actuamos coa máxima responsabilidade sabendo que, sen comprometer o aseo ou o ornato público da cidade, podemos aplicar diversas pautas que contribuirán a garantir a calidade dos servizos públicos sendo conscientes da limitación dos recursos e empregándoos de forma eficiente pero tamén comedida”.
O tenente de alcaldesa de Transición Ecolóxica informou de que esta área deu xa orde de diminuír a cantidade de auga empregada para proceder ao baldeo das rúas e á rega das zonas verdes.
“Deste xeito, dende hoxe pasaremos a empregar un 30% menos de auga para a conservación dos espazos axardinados, priorizando os máis sensibles e aqueles que teñen plantada flor de tempada. E xa en canto á limpeza viaria, Fernández sinalou que o servizo municipal LuceLugo – que destina unha media de 2.300 m³ de auga ao mes – minguará o baldeo nun 50%. Unha porcentaxe que, ante o empeoramento das circunstancias, poderemos rebaixar en ambas as dúas prestacións até o 75 e mesmo o 90% no caso de que a Confederación Hidrográfica así o determine”, indicou o edil.
“A vontade do Goberno local é adecuarse á realidade hídrica que vivimos, sendo sensibles a un posible agravamento da mesma e co obxectivo de actuar en consecuencia para evitar, na medida do posible, outro tipo de restricións que ocasionen un maior prexuízo á cidadanía. Unha das principais bandeiras da acción política do Goberno local é transformar Lugo para que sexa resiliente fronte aos retos que presenta o cambio climático pero esa preparación esixe tamén de prevención como a que xa estamos aplicando “, concluíu o concelleiro.